quinta-feira, 22 de maio de 2008

Notas de prensa do CCE para a Ría de Ferrol e Verdegaia sobre posible traslado de Ence a Ferrol

Nota de Prensa do CCE sobre a Celulosa de ENCE na Ría de Ferrol



Nota de Prensa do CCE


Diante das noticias recollidas nos medios de comunicación segundo as cales, unha serie de empresarios xunto a Empresa Nacional de Celulosas faríanse co control de complexo industrial de Ence en Pontevedra e pretenderían recolocalo noutros lugares, citando entre outros ao Porto Exterior de Ferrol. Diante isto, o CCE manifesta:


Amosar o noso apoio a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra como así o fixemos acudindo a pasada mobilización, para esixir o traslado de Ence e denunciar os atrancos a este compromiso da Xunta de Galicia. Unha longa loita a desenvolvida pola Plataforma, que a pesar dos atrancos abrirase paso, para por fin acadar a recuperación da Ría de Pontevedra como patrimonio de todos.


Na Ría de Ferrol está a se acometer a maior agresión medioambiental neste pais coa a planta de gas de Reganosa, instalada ilegalmente e en funcionamento dende fai un ano, que ameaza a vida de miles de persoas, a Ría e o Patrimonio. Os promotores de Reganosa pretenden agora ampliar a capacidade de regasificación e a Autoridade Portuaria a voadura da canle de entrada, a pesares da súa inutilidade, pos os gaseiros nunca poderán cumprimentar a normativa de emerxencia dentro da Ría de Ferrol.


As novas recollidas nos medios nestes días relativas ao posible emprazamento da celulosa de Ence no Porto Exterior de Ferrol, os silencios institucionais, cando non as advertencias a “discrecionalidade”, poñen de manifesto que a política depredadora levada a cabo por e para beneficio dunha minoría, só pode materializarse coa complicidade institucional, tal e como vemos a cotío no acontecido na Ría de Ferrol o longo dos últimos anos.


O CCE denuncia esta política encamiñada a sacrificar a Ría de Ferrol, segundo o guión establecido no ano 97 no libro promovido pola Xunta de Fraga e titulado “Elementos para unha ordenación integral dos usos do medio litoral de Galicia”, e chama a toda cidadanía de Ferrolterra a dicir basta , acudindo a manifestación do próximo día 8 de xuño as 12h que sairá do Porto de Ferrol para defender a vida, a Ría e o Patrimonio, impedir a materialización das novas ameazas e esixir a paralización de Reganosa.


Ferrol a 20 de Maio de 2008

(C+p) CCE para a Ría de Ferrol


Posible traslado da planta de Ence a Ferrol ou As Pontes



Verdegaia considera que se está a xenerar unha polémica innecesaria en torno á posible ubicación futura da planta de produción de celulosa de Ence-Elnosa. Consideramos que, se esta industria é altamente contaminante, a solución máis acorde co desenvolvemento sostible pasa polo seu peche definitivo e por novas políticas consensuadas sobre a produción e o uso do papel, onde teñan cabida a redución do consumo e o fomento do uso de papel reciclado.

se está a crear unha polémica absurda, falaz e innecesaria sobre a futura ubicación da planta de produción de celulosas que Ence-Elnosa ten actualmente en Pontevedra. Ás recentes declaracións dos alcaldes de A Coruña e Ferrol opoñéndose á ubicación da planta nos portos exteriores de Punta Langosteira e Caneliñas, respectivamente, demostran claramente que ninguén quere afrontar ante os seus/as súas votantes o custo político de permitir esta barbaridade.

A empresa Ence-Elnosa foi condenada en firme por un delicto continuado de contaminación ambiental, ademais de xenerar unha forte oposición cidadá en Pontevedra, polo que reubicar a planta noutro lugar é simplemente cambiar o problema de sitio, non solucionalo. Ademais a empresa está a mentir continuamente sobre os seus niveis de contaminación por mercurio, segue a verter augas cunha carga contaminante moi superior á permitida pola lexislación actual e no ano 2007 foille denegada a solicitude de declaración de innecesariedade do dominio público marítimo terrestre das Marismas de Lourizán.

No que se refire á materia prima para a produción da pasta de papel, Ence-Elnosa é responsable tamén dunha das maiores catástrofes ecolóxicas de Galicia, como é a "eucaliptización" do país. A través da súa filial Norfor, Ence é responsable do cultivo de miles de hectáreas de eucalipto, cultivo que moitas veces se fai de maneira ilegal. Tal e como afirman dende a Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra, "o seu modelo de traballo forestal é altamente destructivo. Ao ser Ence o primeiro comprador de madeira de eucalipto exerce de feito como monopolio, establecendo uns precios á baixa para a madeira que arruinan aos propietarios. A xestión forestal de Norfor e Ence é manifestamente insostible social, económica e ambientalmente". Non deixa de ser sorprendente que ningún responsable forestal de Galicia se plantexe que no resto dos países de Europa tamén usan papel, e coa excepción de Portugal, en ningún deles se cultiva eucalipto.

O actual goberno galego non pode pensar en continuar con este modelo antisocial e antiecolóxico, e debería dar os pasos oportunos, de cara ao peche de Ence -Elnosa en 2018, tendo en conta a opinión de todos os sectores sociais implicados, cara a un modelo industrial sostible e compatible cos valores ambientais e naturais de Galicia.
Por todo isto, dende Verdegaia solicitamos á Xunta de Galicia que deixe de dar paus de cego no tema de Ence-Elnosa e que se abra inmediatamente un debate no que se escoite a todos os sectores sociais implicados para atopar unha solución que permita, por un lado, desbotar a opción do traslado de Ence-Elnosa e afrontar o peche definitivo da planta, e por outro, atopar unha solución acorde coas políticas de desenvolvemente sostible para a produción e consumo de papel en Galicia. Ao noso xuizo, estas solucións deberían pasar pola redución no uso de papel e polo fomento do uso de papel reciclado (a propia administración debería dar exemplo nisto), e pola produción sostible e non contaminante de papel usando unha materia prima que non sexa o eucalipto.


Xoves, 22 de Maio do 2008

(C+p) Verdegaia

.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas