quarta-feira, 6 de fevereiro de 2008

Aprázase até mañá a chegada do novo gaseiro a Reganosa

(c+p) [GZnación]


A chegada do gaseiro, "Cheikh o Mokrani", o décimo cuarto buque para Reganosa dende a súa posta en marcha, que debía atracar á primeira hora desta tarde na planta de Mugardos durante a preamar, aprazouse até mañá debido ao atraso do buque na súa ruta cara Galiza.

O gaseiro, con bandeira de Bermudas e capacidade para transportar 75.000 toneladas de gas natural licuado, debía chegar hoxe sobre as 15.20 horas da tarde coincidindo coa preamar diurna, momento no que está habilitado para navegar polo interior da ría.

Un reducido grupo de persoas, membros e simpatizantes do Comité Cidadán de Emerxencia (CEE) concentráronse hoxe no porto de Ferrol para recibir cunha nova cazolada ao gaseiro, en protesta pola localización da regasificadora galega ao sur da ría de Ferrol, a pesar de que o gaseiro non chegou.

Os opositores achacan o atraso ás condicións meteorolóxicas adversas, especialmente ao forte vento, e consideran que a entrada do gasero na ría hoxe "suporía un risco adicional" á "ameaza vital" que leva un metaneiro cargado nunha ría estreita e angosta.

Protesta veciñal tamén aprazada

A protesta do Comité, que agrupa a varios colectivos ecoloxistas e veciñais que se opón á localización da terminal no interior da ría, tamén foi aprazada até mañá ás 15:30 no peirao de Ferrol, segundo indicou o portavoz do colectivo, Manuel Rodríguez.

O Comité recibiu cunha protesta a todos os buques que chegaron a Reganosa desde o inicio da súa fase de operacións en maio do 2007. Con todo, a intensidade e afluencia ás mobilizacións diminuíu desde que o Ministerio de Industria aprobou a finais do 2007 a licenza comercial definitiva para a instalación.

(c+p) [GZnación]



Sem comentários:

Nas bitácoras amigas