sexta-feira, 28 de novembro de 2008

A Plataforma Galega Antitransxénicos solicita entrevistas cos máximos responsabeis do Goberno Galego


(c+p Verdegaia)Trala covardia mostrada polos parlamentarios que nos representan, ao non seren capaces de facerse eco das demandas da cidadanía e escurrir o bulto deixando á vontade da Xunta de Galiza a posta en marcha dunha serie de medidas laxas e contradictorias, A Plataforma Galega Antitransxénicos vese na necesidade de solicitar entrevistas cos máximos responsabeis do goberno galego: Emilio Pérez Touriño e Anxo Manuel Quintana González.

Nesta reunión trasladarémoslles ao Presidente e Vicepresidente da Xunta de Galiza que cómpre clarificar con urxencia as ferramentas que haberán de garantir a posta en marcha do texto consensuado polos grupos parlamentares, xa que ademais de non cubrir as demandas do pobo galego, a falta de sensibilidade demostrada polos grupos políticos denota o risco de que estas mínimas consideracións nin sequera se leven a cabo.

Neste senso, esixiremos a creación dun órgano de supervisión e seguimento da aplicación dos puntos reflectidos no documento, que ineludíbelmente haberá de contar con presencia da cidadanía galega, representada a día de hoxe por medio da Plaforma Galega Antitransxénicos, que arestora agrupa unha trintena de colectivos e organización sociais.

Nomeadamente, cómpre un seguimento especialmente estricto dos pontos seguintes:

"Incentivar as producións agrogandeiras tradicionais de calidade e os cultivos ecolóxicos outorgándolle a máxima protección xenética."

Especificar cales son os mecanismos de promoción destes modelos produtivos. Clarificar que este punto non sexa unha coartada para dar saída legal a unha coexistencia encuberta de cultivos transxénicos con non transxénicos. Reiteramos: A coexistencia é imposíbel.

"Establemecemento de sistemas de identificación, control e rastrexabilidade dos produtos agrogandeiros."

Garantir que a responsabilidade destes mecanismos non sexa outra carga burocratica para as explotacions e recaiga dita responsabilidade na administración, neste caso concreto consideramos que seria potestade do INGACAL (Instituto Galego de Calidade)

A este respeito, subraiar a especial importancia do compromiso enunciado polos grupos parlamentares de proporcionar información e formación á cidadanía e profesionais do sector agrogandeiro, en todos os aspectos e efectos relacionados cos organismos xenéticamente modificados.

Neste plano informativo, a PGA observa prioritario achegar información sobor dos organismos modificados transxénicamente aos propios grupos parlamentares, habida conta dos argumentos falsos que manexaron nas intervencións, poñendo de releve a grande ignorancia presente nos nosos representantes políticos na Cámara.

Por último, a Plataforma Galega Antitransxénicos manifesta a improcedencia do ponto recollido na Proposición non de Lei alusivo ao incentivo das investigación en biotecnoloxía e inxeñaría xenética, xa que entra en contradición cos pontos especificados anteriormente, e mesmo co espírito do texto inicial da Prosición non de Lei da Declaración de Galiza zona libre de transxénicos: "O Parlamento de Galiza insta á Xuntoa de Galiza a que, no ámbito das súas competencias, non contemple a produción de cultivos transxénicos destinados ao consumo humano e animal"

Queremos mostrar o noso agradecemento a tódolos colectivos, persoas a título individual e medios de comunicación polo seu apoio, demostrando unha vez máis que a sociedade civil vai "un paso por diante"da clase política.

Emprazamos á cidadanía galega a adherirse ás vindeiras iniciativas que xa dende hoxe porá en marcha a Plataforma Galega Antitransxénicos.

Artigo de Verdegaia


Relacionado

- O Goberno español tenta bloquear na UE a investigación dos impactos socioeconómicos dos transxénicos
- Antitransxénicos no Parlamento
- Os cidadáns dixeron NON aos transxénicos
- 26 de Novembro; Galiza libre de transxénicos!!
- 26 N; A nosa terra zona libre de TransXénicos

.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas