(Enlaza co artigo orixinal de Adega)
Cinismo acuícola e esperpento institucional en Corrubedo
Logo de que o conselleiro Sr. Vázquez cualificara o informe do Prof. Xabier Guitián (USC) sobre a Laxe Brava (Corrubedo) como propio dun "botánico que vive nun mundo feliz", insistindo na mentira de que o Plano Acuícola non afecta á Rede Natura, temos agora outro episodio de cinismo político a respeito das fábricas de rodaballo. O concello de Ribeira discutía unha moción (BNG) para solicitar a declaración da Laxe Brava como Espazo Natural de Interese Local, o que salvaría da desfeita 308.000 m2 de costa. Cómpre lembrar que Ribeira (PP) xa acordara ir ao contencioso contra o Plano Acuícola. Tratábase portanto, de refrendar pola vía política un acordo da corporación, coa diferenza que agora tería efectos inmediatos: paralisar a construción da piscifatoría máis grande de Galiza. Sorpresivamente, o pleno rexeitou a moción polo voto contrario... do PP! e favorábel do BNG e PSdG!!
Este rocambolesco resultado amosa o cinismo duns políticos que non teñen reparos en contradicirse públicamente. O PP de Ribeira (maioría absoluta) aprobara xunto co BNG presentar un contencioso administrativo contra o Plano Acuícola, e ten amosado públicamente a súa oposición á desfeita de Corrubedo. Agora, cando hai unha oportunidade real de paralisar a inmensa desfeita ambiental dun territorio que ía ser incluído na Rede Natura e no Parque Natural de Corrubedo, a súa maioría absoluta dinamita unha oportunidade de salvar este emblemático espazo das gadoupas acuícolas. Rocambolesca resulta tamén a postura do PSdG de Ribeira, votando agora a favor da protección ambiental para a Laxe Brava, cando na Xunta se encargou do contrario: promover a desfeita da costa e aprobar o Plano Acuícola xunto co BNG.
Os políticos pasándose uns aos outros este "rodaballo quente", cavilando só en salvagardar os seus propios intereses e os dos seus amigos rodaballistas de Pescanova, Stolt ou De La Cal, mentres a cidadanía fica soa fronte ás máquinas e as expropiacións.
O único certo e que detrás desta desvergoña política, do descaro e da prepotencia institucional hai unha costa privilexiada que esmorece e está vivindo os seus últimos meses de esplendor.
Mira o artigo "Un rodaballo quente en Corrubedo" de Manoel Santos, voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo e socio de ADEGA.
Baixa o Informe de Xosé I. González (100 KB), biólogo da Plataforma de Corrubedo sobre os valores naturais da Laxe Brava, que o Sr. Conselleiro non quere ver.
(Enlaza co artigo orixinal Adega)
.
Sem comentários:
Enviar um comentário