sexta-feira, 28 de novembro de 2008

28N; Día sen compras

Imaxe atopada na Ventana Verde


(c+p Adega) Dende hai 16 anos vense celebrando o Día sen Compras, unha iniciativa que xurdiu en Canadá baixo o lema “o bastante é suficiente”. Un día no que a modo de protesta contra o consumismo imperante se anima á poboación a que deixe de lado o carriño da compra. Unha xornada na que poderemos descansar do noso papel de consumidores/as natos e investir o tempo gañado nunha reflexión sobre o modelo “hiperconsumista” do que formamos parte. Proba a facerte algunha destas PREGUNTAS: De verdade o preciso? Voulle dar uso suficiente que compense o gasto? Cantos teño xa? Podería pasar sen el? De onde ven este produto? Quen e como se fabricou? Vai supor moito lixo isto que merco? Hai outra alternativa que sexa máis ecolóxica? Pódese reciclar? É bo para a saúde?

As materias e materiais que consumimos son recursos naturais finitos que usamos para o noso desfrute e para cubrir as nosas necesidades. É importante logo coidalos, gastalos con mesura e darlle unha longa vida. Pola contra no sistema existente a cultura de usar e tirar estáse pondo de rabiosa actualidade. As modas impostas anímannos a tirar obxectos que tornan en “obsoletos” de un ano para outro. O noso consumo tería que ser principalmente de produción local e libre de químicos. Mais a realidade é ben distinta, cada vez é máis difícil saber de onde viu ou que contén o que estamos a mercar.
Os alimentos e produtos pasean de un lado a outro do planeta incrementando as emisións de gases de efecto invernadoiro ao tempo que o seu prezo aumenta simplemente por pasar por mans intermediarias. A cantidade de pesticidas e tóxicos empregados nos cultivos aumentan ano tras ano, moitos deles carecendo dos estudos axeitados que certifiquen a súa seguridade e salubridade.

As transnacionais teñen cada vez máis influencia económica, política e social. Na actualidade máis do 80% das compras realizanse en grandes superficies. Sete empresas controlan tres de cada catro alimentos que mercamos nestes establecementos e unha soa empresa, Carrefour, controla un de cada catro. As grandes superficies fixan prezos, incitan o consumismo estudando o noso comportamento e apoiandose nas nosas debilidades, promoven a produción de lixo, compiten co pequeno comercio e a función social que ten este e provocannos estrés.
Estamos inmersos/as nun sistema onde prima a cantidade producida e os beneficios tirados do producto perante a calidade deste. Un modelo que aplaude por exemplo que os transxénicos aparezan sen permiso na nosa mesa. Un réximen de “libre” mercado na que a degradación medioambiental está acompañando en todo o proceso, no que as rexións máis pobres do planeta son as que sofren o noso desenfreno devorador de recursos.
Como reacción a este modelo, pola saúde persoal e pola do planeta, pero tamén como maneira de levar a iniciativa individual ao plano colectivo, compre mudar estes hábitos e voltar cara un consumo local, social e ambientalmente máis xusto. Tamén nós rematamos por convertirnos en vítimas do consumismo; consumimos o noso tempo libre nas tendas e centros comerciais, consumimos a nosa saúde e paciencia en longas colas, consumimos os nosos desexos poñendolle prezo a todo.
Ante a decisión de facer unha compra podes plantexarte algunha destas preguntas: De verdade o preciso? Voulle dar uso suficiente que compense a inversión? Cantos teño xa? Podería pasar sen el? De onde ven este produto? Quen e como se fabricou? Vai supor moito lixo isto que merco? Hai outra alternativa que sexa máis ecolóxica? Canto me vai durar? Pódese reciclar? Faime máis feliz mercalo? Estou sendo vítima da publicidade? É bo para a saúde?

Artigo orixinal de Adega


.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas