quarta-feira, 11 de fevereiro de 2009

15f - Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende!!


(c+p Rede Galiza Non Se Vende)
As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos a nosa máis enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno disfrazado de progresista coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos, utilizando o gasto público para alimentar este obsoleto, inxusto e insustentabel modelo económico e social.

Porque outro xeito de facer é posibel, a cidadanía galega sairá á rúa xunta (e revolta), o dia 15 de febreiro nunha grande manifestación nacional en Compostela, que partirá ás 12 da mañá da Alameda, baixo o lema:

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada.

Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: Esquecemento interesado das persoas máis necesitadas economicamente, marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, caos eólico, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, depredador e insostíbel; urbanismo salvaxe, deterioro dos núcleos históricos das vilas, especulación xeralizada, macroáreas metropolitanas engulidoras e centralizadoras do territorio, extinción programada da agricultura e da pesca artesanal, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio cultural, especialmente do arqueolóxico…

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE expresamos as nosas ganas de vivir e de recuperar e potenciar os espazos e coñecementos que nos serviron durante séculos, para que nós e as persoas que veñan despois teñamos un futuro garantido. Por iso artellamos unha rede de colectivos e proxectos realmente alternativos e conscientes, ante a incapacidade e covardía duns gobernantes que renuncian a deter esta tolemia, para procurarnos estratexias válidas para poder seguir vivindo na nosa terra e da nosa terra sen necesidade de esmagar ao resto do mundo e ás xeracións futuras.

As persoas que berramos GALIZA NON SE VENDE temos moi claro que non imos quedar indiferentes ante falsos discursos de cidadanías e democracias cando se nos criminaliza por ser cidadás e cidadáns e expresar o que pensamos, non imos quedar indiferentes cando nos seus discursos baleiran de contido as palabras, mentres agochan detrás actuacións cheas de parcialidade.

Por todo isto é necesaria a presenza de todas e todos o domingo 15 en Compostela, na Alameda ás 12:00 do mediodía.

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Terra viva e vida digna para todos!





.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas