domingo, 30 de setembro de 2007

Máis de 5.000 persoas maniféstanse en Ferrol contra Reganosa


A mobilización, impulsada polo Comité Cidadán de Emerxencia, pretende que non se autorice o funcionamento comercial da planta.


O Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, que dende 2001 reclama o traslado de Reganosa ao porto exterior, convooua para o domingo unha manifestación contra a planta de gas de Mugardos na que reclamou que non se autorice o seu funcionamento comercial.
Á convocatoria asistiron máis de 5.000 persoas.

A mobilización partiu pouco despois do mediodía do Porto de Ferrol, do peirao de Curuxeiras, dende onde se pode ver a instalación de Reganosa. A marcha rematou, tras percorrer as rúas da cidade, na praza de Armas, fronte ao concello.

O comité, integrado por colectivos veciñais e ecoloxistas, pediu a participación cidadá na manifestación do domingo en Ferrol nun "momento decisivo" da loita "legal" contra a situación de Reganosa no interior da Ría de Ferrol.

Os opositores a Reganosa lembraron que a instalación opera en fase de probas dende o pasado 9 de maio, pero que aínda non se lle concedeu a acta de funcionamento comercial definitivo, que depende da Área de Industria e Enerxía de A Coruña, dependente do Ministerio de Industria.

Os membros do colectivo consideran que a planta de gas non pode ser autorizada porque non se cumpren os condicionantes formulados na autorización de construción concedida en febreiro de 2004: a distancia legal á poboación (segundo a Directiva Deveso II), e a saída ao mar dos gaseiros en caso de emerxencia (norma EN-1532), xa que os buques cargados só poden navegar con seguridade pola ría con preamar.

Apoios


Por todo iso, o comité pide tamén á Xunta de Galicia, que posúe o 10% do conxunto de accionistas, que renuncie a apoiar a Reganosa; ao Concello de Ferrol que esixa ao Tribunal Supremo que se faga firme a sentenza que en 2004 anulou a tramitación ambiental da planta de gas, e ao Concello de Mugardos, que revise as licenzas e permisos concedidos a Reganosa.

A mobilización recibiu o apoio de diversos colectivos veciñais e ecoloxistas, entre eles, a Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra tamén participa na manifestación. Así mesmo, acoden representantes de SOS Courel e veciños de Sabón e Meirama. A protesta tamén está avalada polos membros de Confraría de Mariscadores de Ferrol, que ata en tres ocasións bloquearon coas súas lanchas a entrada de gaseiros na ría. Coas protestas, polas que permaneceu en prisión varias semanas o patrón maior da Confraría Bernardo Bastida, os pescadores denunciaban que Reganosa danaba os bancos marisqueros da ría.

A mobilización contra Reganosa tamén conta coa participación dos representantes da Asociación de Veciños O Cruceiro de Mehá, que dende xullo manteñen un peche no Concello de Mugardos para reclamar que a planta de gas non opere comercialmente, por situarse a menos de 400 metros das súas vivendas. Partidos como Esquerda Unida, que cogoberna en Ferrol co PSOE, e sindicatos como CC.OO. e USTG, atópanse tamén na lista de apoios do comité.

Vieiros

Máis
FERROL DIXO NON A REGANOSA por Zerovacas

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas