O núcleo comarcal de Verdegaia en Compostela, coa colaboración de SOS Courel, organiza un roteiro pola serra do Courel para o próximo domingo 24 de Febreiro. Ademais de desfrutar do patrimonio natural e cultural dun dos espazos naturais máis valiosos da Península, as persoas que asistan ao roteiro poderán comprobar o enorme impacto ambiental que causan no Courel as canteiras de lousa.
O roteiro discorrerá por Vilamor, Vilar e Froxán, na zona do Courel de influencia mediterránea, ao sur da canteira de lousa da Campa, polo territorio que a Xunta quere deixar fóra do futuro Parque Natural, malia que forma parte da Rede Natura 2000. O camiño a percorrer vai seguindo o curso do Lor a media ladeira. As persoas que participen no roteiro coñecerán aspectos naturais desta singular zona, así como os brutais impactos que as canteiras están a ter sobre a conca do río Lor.
O roteiro presenta un grao de dificultade media e durará unhas tres horas, incluíndo as paradas en Vilar, Castro de Vilar e no río Lor. Para participar é preciso anotarse antes do venres 22 de febreiro chamando ao teléfono 622 033 665 ou escribindo a info@verdegaia.org. O prezo é de 10 euros. A saída será en autobús ás 9 h desde a estación de autobús de Santiago (marquesina de acceso a pasaxeiros).
Descrición do itinerario
Entraremos no Courel por Monforte - Poboa de Brollón.
A primeira aldea da Serra, o Carballal. Logo faremos unha paradiña no castro de Vilamor, preto da estrada, no medio e medio do Courel, dende onde se domina toda a bacía do Lor, dende o Cebreiro até a Ribeira Sacra. Fronte a nós, na outra beira, o inmenso cráter da canteira da Campa.
Máis abaixo, xunto á Igrexa de Vilamor, deixaremos o autobús e baixaremos un quilómetro e medio até chegarmos á ponte que cruza o río Lor.
Dende o río, hai que subir 2 quilómetros até Vilar, o tramo máis difícil da rota. Primeiro o souto, logo a aldea e no medio o museo etnográfico de Xan de Vilar, sen axudas oficiais.
Outro quilómetro e xa estamos na Capela de San Roque, tamén entramos polo Castro adiante, que fai equilibrio sobre o abismo.
Volvemos ao camiño. Logo de baixarmos 3 quilómetros, chegamos a Vitoreira (a pena do voitre), inmenso farallón vertical que cae sobre o río, antigo cubil de todo "bicho alado": águias, bufos, falcóns, .... Camiño moi xusto entre a rocha e o precipicio.
Outro quilómetro, e volvemos estar no río, na praia de Froxán, na ponte de Castroportela.
Logo subiremos a modiño cincocentos metros até Froxán.
SOS CourelTamén en Chuza
Sem comentários:
Enviar um comentário