sexta-feira, 22 de fevereiro de 2008

Artigo de interese dende a bitácora de Ortigueira Sostible - "100% VÁZQUEZ"



100% VÁZQUEZ






(Ortigueira Sostible) "Todo Vigo verte directamente augas residuais á ría e non pechamos a cidade" Con esta deslumbradora perla que define a súa política, o Conselleiro de Medio Ambiente pretendía xustificar a licencia dada á canteira da Campa, no Courel, en situación ilegal dende había 20 anos, aínda recoñecendo que está a producir un enorme impacto ecolóxico denunciado incluso polo Ministerio do mesmo ramo.



Non é a única empresa ou instalación en situación ilegal que obtén os parabéns da consellería, aínda con sentencias xudiciais en contra, como é o aldraxante caso de
REGANOSA e tamén das depuradoras de Ourense e de Vigo. Os seus esforzos se concentran de feito en conquerir a legalización de empresas que teñen demostrada, incluso xudicialmente, a súa perniciosidade para o medio, coma é no caso de ENCE, á que lle procura a Autorización Ambiental Integrada en Pontevedra, pese a superar os parámetros de contaminación permitida e outras directivas ambientais, ou lle busca reubicación como se de un axente da empresa se tratase.

O seu departamento parece ter como principio ignorar calquera tipo de denuncia relativa a empresas (nomeadamente canteiras) que poidan poñer ás explotacións en algún tipo de compromiso. O Valedor do Pobo ten advertido xa da falta de vontade que dende esta consellería se pon para facer cumprir as normativas ambientais. É tamén significativo que dous altos cargos de Medio Ambiente, entre eles o director xeral de Augas de Galicia estén imputados pola súa responsabilidade na catástrofe ecolóxica do río Xallas. Ortigueira Sostible ten constancia directa da súa falta de celo no cumprimento da Lei de información ambiental cando xa fai meses que rematou o prazo para dar resposta á solicitude de información sobre as entulleiras de lousa que teñen soterradas as canles dos ríos Esteiro e Lombao presentadas na consellería.

Esta é a defensa que cabe esperar do Conselleiro para aqueles elementos ou espazos que posúen unha protección legal efectiva , en peor situación aínda se atopan moitos espazos de alto valor ecolóxico mais desamparadas pola lei, como a serra do Xistral ou a serra da Groba, ameazadas polo plan eólico da Xunta; e tantos lugares de singular valor paisaxístico que van a ser ocupados por mounstruosas piscifactorías, pese ao rexeitamento contundente que amosou a sociedade nas localidades afectadas. A mesma sociedade cuios supostos intereses o conselleiro pon por diante das súas obrigas: Protexer o medio facendo cumprir a lexislación ambiental. O seu obxectivo, pola contra, parece ser baleirala de contido.

REDE GALICIA NON SE VENDE pide a dimisión do Conselleiro de Medio Ambiente

(c+p) Ortigueira Sostible
Tamén en Chuza

.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas