terça-feira, 21 de outubro de 2008

Roteiro polas fragas do Rego Pequeno (Somozas) Domingo 26


(Enlaza co artigo orixinal en Verdegaia)

Verdegaia organiza un roteiro para o vindeiro Domingo 26 de Outubro polas fragas do Rego Pequeno. Con este roteiro pretendemos un dobre obxectivo: por unha parte (como sempre) pasar un día agradable de camaradería disfrutando da natureza e do noso patrimonio; por outra banda, denunciar a desaparición acelerada das fragas do Rego Pequeno, tributario do Río Xuvia.


Estas fragas son unha reserva para a biodiversidade de Galicia, polo que resulta intolerable que estean sendo literalmente borradas da faz da terra por culpa do cultivo indiscriminado e incontrolado de eucalipto. Entre as especies arbóreas e arbustivas que se poden citar figuran: salgueiro (Salix atrocinerea), ameneiro (Alnus glutinosa), bidueiro (betula sp.), abeleira (Corylus avellana), freixo (Fraxinus excelsior), pradairo (Acer pseudoplatanus), carvallo (Quercus robur), cerquiño (Quercus pyrenaica), castiñeiro (Castanea sativa), ulmeira (Ulmus glabra), pereira brava (Pyrus pyraster), loureiro (Laurus nobilis), acivro (Ilex aquifolium), sanguiño (Frangula alnus), estripeiro (Crataegus monogyna), sabugueiro (Sambucus nigra), etc.


Teremos ocasión ao longo do roteiro de constatar claramente esta substitución, e agardamos que todas aquelas persoas que nos acompañen tomen conciencia con nós da inmensa perda que supón para o noso patrimonio natural a desaparición destas fragas. Pola nosa banda, xa estamos denunciando estes feitos ante a administración coa esperanza de que se deteña esta masacre e se inclúa a zona no LIC "Xuvia-Castro".


Ademais disto, teremos ocasión de coñecer algo do patrimonio etnográfico e arqueolóxico da zona, xa que teremos ocasión de visitar un "machuco" ou muíño de ferrería (usábanse para traballar o ferro), unha torre medieval en ruinas, unha antiga fonte-lavadoiro de pedra, un muíño para a moenda do gran, e o impresionante Castelo de Moeche, onde contaremos coa guía do arqueólogo Emilio Ramil para poñer punto e final ao roteiro.


Esperamos a vosa participación (non vos demoredes en concretar a vosa inscrición) e lembrade que ese fin de semana é o cambio de hora, polo que poderedes durmir unha hora extra.


Máis información:

Data: 26 de outubro
Hora de saída: 9.30 h
Lugar de saída: Escalinata de Correos, Ferrol
Duración: 6 horas aprox.
Lonxitude: 10,8 km
Dificultade: baixa
Prezo: soci@s 5 €, non soci@s 7 € (para o bus)
Prazas: 30
Levar comida e bebida, roupa e calzado cómodos, chuvasqueiro e ganas de pasalo ben (se a roupa é de cores discretas, mellor)
Prazo de inscrición: ata o 22 de outubro, incluído.
Teléfonos de inscrición: 661636946 (Miguel) 691527277 (Mónica)



.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas