Representantes das tres forzas políticas galegas, xunto con membros de diversas plataformas cidadás e organizacións do país, debatirán nunha mesa redonda este sábado 18 de outubro, ás 20 horas, sobre o Plano Acuícola. Esta iniciativa desenvolverase no municipio de Arzúa no marco do festival Terractiva, que organiza Coperactiva Cultural.
No debate participarán o xefe de Acuicultura da Secretaría Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca da Xunta de Galiza, Juan Ramón Otero Llovo; o voceiro de Pesca do Partido Popular no Parlamento galego, José Manuel Balseiro Orol; o voceiro parlamentar de Pesca do BNG, Bieito Lobeira; o secretario executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Fins Eirexas; e os membros da asociación de veciños "A Pergoliña" de Camelle, Luis Miguel Suárez Pérez, e da Plataforma veciñal pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Xosé Manuel Casais González.
O encontro celebrarase no recinto feiral de Arzúa (rúa Padre Pardo), que acollerá tamén na segunda xornada do festival - domingo 19 ás 19 horas - o xa tradicional foro ecolóxico (Formaterra). Nesta ocasión, o tema que centrará as intervencións dos colectivos e persoas é “participación social e ecoloxía, ferramentas para fortalecer a democracia”. Trátase dunha actividade pioneira que se consolida coma un foro de análise e posta en común das iniciativas medioambientais en Galiza.
Feira Ecolóxica
O festival abrirá ao público o sábado 18 ás 11 da mañá. Contará con preto de 50 expositores con produtos ecolóxicos de horta e limpeza, diversos xeitos de cociña ecolóxica e terapias alternativas. Son algunhas das propostas desta feira, todas elas relacionadas coa defensa do medio ambiente.
Terractiva é un festival de alternativas, multidisciplinar e que promociona as artes e a diversidade. Neste senso, o festival Galeuzca musical leva de novo a Arzúa unha selección de grupos galegos, vascos e cataláns, que este ano conta coa presenza de “O Sonoro Maxín” de Galiza, “La Troba Kung-Fú” de Catalunya e “Sorkun” que chega de Euskadi. Será o día 18 ás 22 horas no Campo da Feira e con acceso de balde.
(Artigo orixinal en GZnación)
A nova en Chuza
.
Sem comentários:
Enviar um comentário