| |
Casos como as talas do barrio de Abella en Lugo, a carballeira de Faramontaos (Nogueira de Ramuín) ou a recente tala salvaxe en Pol, poñen de manifesto que malia á recente aprobación do

Son ben escasas as carballeiras de propiedade pública con que contamos en Galiza. E por se fora pouco, a pésima xestión que algúns concellos fan deste patrimonio pon de manifesto o desleixo e máis a chulería de alcaldes enrocados nunha visión obtusa do "progreso". É o caso da carballeira de Rioxoán, no concello lucense de Pol, na que carballos centenarios acaban de ser talados apesar das voces contrarias da veciñanza e as advertencias de Medio Ambiente.
Este entorno, de singulares valores etnográficos e patrimoniais, inseparabelmente unidos á sua carballeira, constituía unha área de lecer natural para toda a veciñanza alén de regular o microclima. Calquera persoa cun mínimo de sensibilidade polo patrimonio natural e cultural do seu povo, entendería as razóns para protexer e conservar esta carballeira, e para poñela en valor como elemento senlleiro de significado histórico e cultural e atractivo turístico.
En base a estas razóns, ADEGA solicitou da Consellería de Política Territorial a modificación do proxecto da estrada de Meira a Baleira que, ao pasar por Rioxoán, propoñía talar toda unha fila de carballeiras para facer camiños de servizo nas marxes da estrada. Propuxemos deixar o trazado actual da estrada como vía de servizo e deseñar, no seu lugar, unha circunvalación por fora do núcleo rural de Rioxoán ou reducir o ancho da calzada, con beirarrúas en lugar dos arcéns e cunetas que se propoñían no proxecto. Era pois, unha modificación do proxecto que en nada empeoraba a calidade e os servizos que o proxecto anterior podía ofrecer: eis o que significa o desenvolvemento sustentábel.
Así o entendeu a Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial que confirmaba a ADEGA que o proxecto tiña sido modificado para non afectar á carballeira. Ao mesmo tempo, ADEGA presentou ante a Dirección Xeral de Conservación da natureza unha solicitude para que, en base aos valores naturais e culturais desta carballeira, fora incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras (Decreto 67/2007, de 22 de marzo).
Malia a estes trámites, e desoindo as recomendacións da Xunta e as peticións veciñais, o concello de Pol decidíu talar a carballeira. Para ADEGA, este feito non só demostra a absoluta falta de sensibilidade por parte do alcalde de Pol. Constitúe tamén un auténtico escándalo que non pode quedar impune:
-Porque se trata dunha tala innecesaria.
-Porque se ordena unha tala de carballos centenarios que non están xa afectados polo proxecto constructivo da estrada.
-Porque, ademáis, fíxose sen autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (imprescendíbel, xa que se trata dun ben que ten iniciado os trámites para a súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras).
Neste senso, agardamos que a Consellería de Medio Ambiente sí demostre a sensibilidade que lle faltou ao alcalde de Pol e proceda a sancionar exemplarmente esta escandalosa actuación. A violación alevosa dunha norma legal (o Catálogo Galego de Árboeres Senlleiras) non pode quedar impune. De qué valerían entón as normas e leis ambientais se se consinte a política dos feitos consumados?.Quen mira entón polas nosas árbores?
Artigo de ADEGA
En Chuza
Sem comentários:
Enviar um comentário