sábado, 7 de junho de 2008

A Unión Europea admite a trámite a denuncia contra Reganosa


Enlace co artigo orixinal en
Axencias/Galiciae

A Comisión de Peticións da Unión Europea admitiu a trámite a denuncia presentada por Izquierda Unida solicitando que se investigue a legalidade da planta de Reganosa en Mugardos. O recurso fora interposto polo eurodeputado de IU, Willy Meyer, a finais do pasado ano.

A coordinadora de IU en Galicia, Yolanda Díaz, informou da decisión da Comisión nunha rolda de prensa celebrada no concello de Ferrol. Nas dependencias municipais permanecen pechados desde o martes unha decena de membros do Comité Cidadán de Emerxencia. O colectivo, que agrupa aos opositores á planta regasificadora, recibiu "con gran satisfacción" a decisión da institución comunitaria.

A Comisión de Peticións pode a continuación solicitar da Comisión Europea que efectúe unha investigación preliminar e informe de se se respecta ou se infrinxe a lexislación comunitaria neste caso concreto.

Díaz mostrou a súa satisfacción por esta cuestión e mostrouse convencida de que o órgano executivo da Unión investigará a construción da terminal de gas de Punta Promontorio. Durante o proceso, requiriría do goberno central toda a documentación relacionada coas instalacións para analizar se existe ou non algún incumprimento ambiental da terminal de Reganosa en Mugardos.

Con todo, a Comisión Europea pronunciouse hai unhas semanas a favor da empresa regasificadora, tamén tras unha pregunta de Meyer. O Comisario Europeo de Medio Ambiente, Stravos Dimas, afirmou que a planta de Mugardos non infrinxe a lexislación comunitaria de medio ambiente e que o Goberno español respondeu satisfactoriamente aos seus requirimentos. Asegura que en decembro de 2006 a Comisión xa arquivou o caso sobre as posibles irregularidades desa planta regasificadora.

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Por outra banda, o Comité Cidadán de Emerxencia (CEE) da Ría de Ferrol informou de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle deu a razón ao colectivo ao estimar que a modificación do plan urbanístico de Mugardos debía conter un estudo ambiental.

O TSXG fallou a favor do recurso presentado polo CEE en contra da modificación puntual do Plan Urbanístico de Mugardos, no ano 2003, para redefinir como chan industrial a superficie que ocupa a planta de gas. O Comité entende que a modificación do PXOM debería incluír a declaración de impacto ambiental, a pesar de que a zona xa estaba cualificada como industrial.

Os integrantes do Comité consideran que esta sentenza, que lles confirmaron os seus servizos xurídicos, demostra que "é ilegal o cambio para converter uns terreos en industriais e darlle cabida a Reganosa".

O colectivo asegura que o fallo do TSXG sitúase na liña doutros dous anteriores do mesmo Tribunal, de 2004 e 2006. No primeiro deles fallou que "o estudo de efectos ambientais presentado por Reganosa non é procedente" e "esixía un estudo de impacto ambiental de maior entidade". O fallo está recorrido pola propia Reganosa.

Continúan as mobilizacións
A oposición á planta regasificadora asegura que continuará coas súas accións xudiciais contra Reganosa e o que consideran as súas "novas ameazas", como a autorización aprobada polo Goberno para duplicar a súa capacidade de produción ata os 800.000 metros cúbicos.

Para mañá sábado, o Comité convocou unha cazolada ante o edificio da Xunta de Galicia en Ferrol, ás 19.00 horas, en protesta pola chegada do vixésimo primeiro gaseiro que accede a Reganosa desde que comezou a operar en fase de probas en maio de 2007. Trátase do buque 'LNG Rivers', con bandeira de Bermudas, que transporta preto de 60.000 toneladas de gas natural licuado.

Mentres, o vindeiro domingo terá lugar unha marcha de protesta que comezará ás 12.00 horas no peirao de Curuxeiras. Tanto estas mobilizacións como o peche no Concello xa recibiron o apoio de grupos políticos como Izquierda Unida, que goberna en coalición co PSOE, e de Independentes por Ferrol, así como sindicatos como CCOO e USTG e diversas asociacións sociais e culturais de toda Galicia.

06/06/2008


Enlace co artigo orixinal en Axencias/Galiciae

.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas