terça-feira, 20 de maio de 2008

Amigos da terra solicita á banca que deixe de financiar os agrocombustibles

Imaxe dende rel-uita.org


Bancos europeos e españois financian agrocombustibles en América Latina

(c+p Amigos da Terra) Moitos bancos europeos e españois están financiando a rápida expansión da produción de agrocombustibles en América Latina, que está provocando deforestación a gran escala, incremento nos abusos dos dereitos humanos e expón unha ameaza para a soberanía alimentaria, segundo un novo informe - pdf publicado hoxe.


O informe, publicado por Amigos da Terra Europa no medio das preocupacións globais sobre os impactos da subida do prezo dos alimentos, reclama o fin dos investimentos por parte de Bancos Europeos en proxectos prexudiciais para o medio ambiente como os agrocombustibles (tamén coñecidos como biocombustibles).

Os agrocombustibles foron sinalados como un dos factores máis influentes na subida de prezos. Segundo a o­nU e o Banco Mundial, 100 millóns máis de persoas están actualmente afrontando severos problemas de fame debido ao incremento do prezo de alimentos básicos.

“O financiamento europeo da produción de agrocombustibles en América Latina”
documenta como os principais bancos europeos (Barclays, Deutsche Bank ou BNP Paribas) e españois (Santander, BBVA ou o Banco Español de Crédito) están investindo miles de millóns de euros na produción e comercio de azucre de caña, soia e aceite de palma en países latinoamericanos.

Os combustibles a partir de azucre de caña, soia ou aceite de palma estanse utilizando cada vez en maior medida en Europa. A súa produción a gran escala en países como Brasil, Arxentina, Paraguai e Colombia é extremadamente polémica, xa que está provocando a destrución do Amazonas e outros importantes ecosistemas, ou problemas de contaminación da auga potable. As plantacións a gran escala tamén provocan violacións dos dereitos humanos contra os campesiños, con condicións de traballo clasificadas como “escravitude moderna” nalgunhas plantacións de Brasil.

Ao mesmo tempo, as empresas que producen agrocombustibles están alcanzando extraordinarios beneficios, facilitados por créditos bancarios, investimentos e outros apoios financeiros por parte da banca privada. Todos os principais bancos europeos investiron miles de millóns de euros nos últimos anos nas empresas de produción de agrocombustibles como Cargill, Bunge, ADM, Cosan ou Brasil Ecodiesel. Moitas destas empresas estiveron involucradas e foron condenadas por actividades ilegais en América Latina.

Algúns dos principais bancos españois están tamén financiando este negocio. O BBVA, Banco Español de Crédito ou o Banco Santander financian algunhas das empresas responsables de graves impactos ambientais.


David Sánchez, responsable de Agricultura de Amigos da Terra estatal afirmou:
"Os agrocombustibles, ademais de non ser unha solución para o cambio climático, teñen demasiados impactos ambientais e sociais. Solicitámoslle aos grandes bancos españois que non invistan nin financien esta prexudicial industria"

Amigos da Terra solicita á Comisión Europea a revisión do obxectivo obrigatorio de uso dun 10% de agrocombustibles no transporte en 2020, que está fomentando esta industria. Aínda que os agrocombustibles expúñanse como unha solución contra o cambio climático, cada vez hai máis evidencias científicas de que poden incrementar, máis que diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro, especialmente se se consideran efectos como os cambios no uso da terra.

"Usar cultivos para alimentar aos nosos coches no canto da as persoas é unha solución falsa contra o cambio climático"
, engadiu Sánchez.

(c+p Amigos da Terra)


.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas