quarta-feira, 19 de setembro de 2007

Manifesto de solidariedade coa Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá




Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados no Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante deste país ou de calquera outro ten o dereito a que non lle estraguen a paisaxe e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silencionsa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que no pasado se cometeron ao localizar empresas en sitios inaxeitados e que ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, de nós ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, outros tomen nota, compartan e nos ensinen e aprendan desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Asina este manifesto aquí.

Sem comentários:

Nas bitácoras amigas